Sunday 12 de May de 2024

A comunidade educativa de Bergondo entrega 1.282 firmas na Consellería de Educación polo recorte de persoal no CPI Cruz do Sar


· Presentáronse por Rexistro 638 firmas manuscritas, acompañadas doutras 644 que foron recollidas na plataforma Change.org.

· A lista de firmas entregarase agora na Valedora do Pobo, mentres se preparan outras accións reivindicativas.

A comunidade educativa de Bergondo entregou onte, martes 25 de outubro, no Rexistro municipal un total de 1.282 firmas dirixidas á Consellería de Educación para protestar polo recorte de persoal docente no CPI Cruz do Sar e incidindo no dereito dos nenos e nenas a unha educación digna.

Presentáronse 638 firmas manuscritas, recollidas nas diferentes accións que se levaron a cabo desde o mes de setembro, acompañadas doutras 644 que foron rexistradas na campaña iniciada na plataforma dixital Change.org.

O obxectivo é visibilizar a deslealdade institucional da Xunta de Galicia que, a pesar do incremento neste curso das matrículas de alumnado con diversidade funcional, denegou a solicitude do centro dun especialista en Pedagoxía Terapéutica, recorta a xornada de Audición e Linguaxe e prescinde dun mestre de referencia para o alumnado como o de Educación Primaria.

O seguinte paso será presentar as firmas na Valedora do Pobo. Mentres, están a prepararse outras accións reivindicativas para levar a cabo proximamente. “Non imos cansar, as sinaturas amosan que non somos dúas ou tres persoas as que estamos a loitar por unha educación digna, esta situación non só está a pasar en Bergondo”, avisa a presidenta do APA As Mariñas, María José Ferreño.

Ferreño tamén critica a actitude demostrada polo PP o pasado venres no Parlamento Gallego, onde chegou unha pregunta sobre os recortes de profesorado no centro bergondés: “están a sacar cifras e cocientes para desviar a atenció e nós estamos falando dá diversidade que pode haber non alumnado e que hai que atendela, si ou si”.